Praia das Catedrais (1978)

  
Segredos roubados

Daquela era un segredo. Un conxunto de formas caprichosas que o mar fora tecendo no seu bater xordo contra as penas. Só algún hippie caía por alí de cando en cando. Tamén ían os cativos do acampamento do Frente de Juventudes porque era a praia máis próxima para ir desfilando desde a Devesa. Era un segredo e non valía nada. Só formas caprichosas nas rochas, regandixas nas que mexilóns e percebes atopaban un viveiro ideal. Un paraíso indescriptíbel que se nos revelaba cando nos ambarcabamos naquel paseo máxico.
As lúas de agosto fan baixar a maré até o ponto que aínda é posíbel, durante unhas horas, achegarse alí por mar, camiñando desde a praia da Arealonga. Revivimos así a ilusión do segredo, do paraíso reservado para o goce calado, para o descubrimento íntimo. Chegar sorteando algunhas ondas, nadando por entre as oucas nalgún tramo. Explorar as covas sen medo ao escuro, co eco dunha pinga como única guía sonora. Descubrir, ao fondo do túnel, lagoas de auga azul cristalina ás que non se dá chegado máis que a nado.
Pensar, inxenuas, que este agasallo da natureza seguirá sempre aí, para cando necesitemos regresar e perdernos nos seus labirintos de pena e ouca. E non ver como as mareas humanas van esculpindo outras formas nas rochas, desfacendo o que tanto tempo o mar tardara en tallar. Nin como as voces van cubrindo os ecos das pingas no fondo dos túneis, e os percebes emigran para aniñar nun lugar máis quedo. Xa non é un segredo nin o paraíso de ninguén. Só unha postal máis, repetida até o infinito. As tres arcadas das catedrais no seu efecto óptico, propio dun cadro de Escher, xa nunca están soas. Hai uns anos, unha campaña institucional promovía o turismo a Galicia, e concretamente á praia das Catedrais, co lema "gárdasme un segredo?". En realidade, o que se pretendía era todo o contrario: socializar o segredo. Pero todo o encanto marchaba con ese acto de xenerosidade masiva. Quixemos compartir o segredo mais o que fixemos foi negalo e baleirar a súa maxia. Resta ver que maré gaña:  a turística ou a do Cantábrico. Pódese tentar facer común o segredo, de verdade, sen récords de visitas nin aparcadoiros farónicos. Sen acantilados cubertos de cemento nin souvenirs roubados ás penas. O segredo das Augas Santas só pode descubrirse en silencio e cos sentidos abertos. Sen máis maré que a das ondas dun mar que non tardará en reclamar o roubado.

Comba Campoy




Foto © Xoan Piñón. Praia das Catedrais (1978) 

No hay comentarios: